Estreamos os vermús do Castelo Conta

De luns a venres, a música e a gastronomía serán os protagonistas dos mediodías en Castelo. A Taberna do Castelo Conta recibirá algúns dos mellores chefs de Galicia e contará con concertos de pequeno formato para abrir boca.

A Taberna do Castelo Conta será a protagonista da franxa do mediodía. Durante a semana do festival abrirá as súas portas Casa Rodríguez, a taberna que nos acompañou durante tantos anos na parroquia. Xuntarémonos de 12.00 a 15.00 h. para conversar, gozar dos petiscos que prepararán os chefs convidados, bailar coas diferentes propostas musicais e tamén levar algún dos produtos de proximidade que estarán á venda na taberna, que recuperará a súa esencia de ultramarinos.

Comezaremos a semana coa música de Alana, un dos grupos revelación da nosa música, recentes gañadores do concurso Runas do Festival do mundo celta de Ortigueira. A taberna abrirá as súas portas para poder tomar algo mentes gozamos da música neste inicio do Castelo Conta.

O martes teremos nos fogóns aos chefs da Artesa da Moza Crecha de Betanzos. Lolo Mosteiro e Paula Martínez teñen un gran compromiso coa cociña de quilómetro cero, baseando a súa proposta en produtos de proximidade e temporada preparados con técnicas contemporáneas e innovando sempre na proposta. A música estará da man de Eris Mackenzie, quen actuará por primeira vez na casa.

Manuel Domínguez, do Restaurante Lúa, fará dobrete o mércores. Logo de compartir a súa sabedoría coa cativada na Xente Miúda, trasladarase á Taberna do Castelo Conta para preparar uns petiscos moi especiais. A súa proposta, baseada na cociña tradicional galega, é unha das máis recoñecidas en Madrid —onde está o seu restaurante—, sendo posuidor dunha estrela Michelin. Acompañándoo estarán Comando Curuxás, unha das propostas máis orixinais da música tadicional galega contemporánea.

O xoves estará en Castelo Damián Paris, do Decanta-t, cuxo sinal de identidade é a mestura da cociña innovadora coa sinxeleza. Xunto con el está Lontreira, unha das bandas que máis están xirando este verán por Galicia. O trío da Arousa mestura pop, electrónica e certa influencia da música tradicional nos seus temas, que perseguen o baile e a diversión.

Esta primeira edición dos Vermús do Castelo Conta pechará coa participación de Kike Piñeiro, do restaurante A horta do Obradoiro, un dos máis singulares e destacados de Santiago de Compostela. A música estará a cargo de crnds, quen traerá un DJ set especial para a ocasión.

Que mellor forma de comezar a programación diaria? Agardamos por ti na Taberna do Castelo Conta.

Noticias relacionadas

X